Ruta polo exterminio en Aranga

A Comisión da Memoria coruñesa visitou a maior fosa do franquismo de Galicia
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) realizou onte unha ruta pola maior fosa común de Galicia, situada no municipio coruñés de Aranga. O lugar, limítrofe coa provincia de Lugo, foi elixido polos franquistas para cometer asasinatos polo seu carácter fronteirizo, para imposibilitar a identificación dos represaliados. Moitos historiadores calculan que, dispersos pola zona, poden atoparse os cadáveres de máis de 80 persoas. “Poden ser máis, porque moitos foron asasinados dun tiro na cabeza e tirados desde a ponte da Castellana”, explica Rubén Afonso Lobato, membro da entidade, que onte participou na expedición que percorreu os lugares máis simbólicos deste enclave de silencio, esquecemento e morte.

Ademais da ponte da Castellana, desde onde foi arroxado o corpo sen vida de Mercedes Romero Abella, coñecida como a mestra de Monelos –viúva do sindicalista da UXT Francisco Mazariegos– os membros da excursión percorreron outros puntos clave da represión franquista como os cemiterios de Vilarraso, Aranga e Santa Mariña, este último en Guitiriz. “Os paisanos da zona encargábanse de enterrar os mortos fóra dos cemiterios das igrexas, porque non lles deixaban facelo dentro ao tratarse de roxos”, explica Rubén. Baseándose en documentos da policía franquista e en testemuños orais, a entidade coruñesa leva máis de ano e medio investigando o ocorrido na zona, para tentar identificar as vítimas sen nome dunha traxedia da que moitos veciños non queren nin oír falar. E é que, como recoñece o investigador local Santiago Fernández, “aínda hai moito medo a falar, un medo que as xeracións actuais non podemos comprender, e por iso segue o silencio”.

Por iso a CRMH pretende concienciar a poboación da necesidade de abrir estas fosas e arroxar luz sobre o acontecido. O problema é que, aínda contando con datos que proban a presenza de determinadas persoas no xigantesco cemiterio anónimo, moitas veces os seus propios familiares rexeitan calquera movemento encamiñado a recuperar os seus restos das cunetas. O último fusilado identificado é o republicano coruñés José Luis González Ledo, desaparecido en 1936.

No cemiterio de Vilarraso, a CRMH corroborou a presenza de 29 corpos dos paseados, dos que só foi verificada a identidade de nove. Entre eles atópase Cesáreo Méndez, sindicalista da CNT. A comisión contou co asesoramento dos historiadores Emilio Grandío e Eliseo Fernández, entre outros.
Tirado de: xornal.com

Publicado en Fosa común. Etiquetas: , . Leave a Comment »