Comunicado

A piques de pechar este ano 2015 e con fondo pesar recibimos a nova do pasamento de Leonardo Couceiro, home da nosa compañeira Beatriz Rascado.

Leo acompañounos durante todos estes anos nas moitas e moi diversas actividades que desenvolveu a Asociación, sempre á beira de Bea, dando soporte e transmitindo tranquilidade a todo o colectivo co seu carácter afable e discreto.

Era ese carácter o que o facía de Leo unha desas persoas verdadeiramente insustituíbeis, que non se fan notar cando nos arroupan coa súa presenza; pero que son as primeiras ás que botamos en falla precisamente porque notamos a súa ausencia.

Leo, alá onde esteas agora xa te botamos en falla, non te esquecemos.

 

Anuncios

Borrador do proxecto para o Centro de Interpretación da Memoria Histórica de Ferrol

Nos últimos catro anos, os asuntos da Memoria Histórica estiveron desaparecidos da axenda dos gobernos de maiorías absolutas do Partido Popular en todos os ámbitos competenciais (Estado, Xunta, Deputación, Concellos). A nivel local, tan só fomos quen de conseguir a participacion do primeiro edil de Ferrol nunha homenaxe comarcal celebrada no concello de Ares, conmemorando a historia dos galegos presos nos campos de concentración nazis.

En troques e por desgraza, non fomos quen de conseguir que a sensibilidade amosada ante o horror do terror fascista na Alemaña de Hitler se trasladara a empatizar tamén coas vítimas do horror provocado polo terror fascista de Franco no territorio galego e español.

A nosa asociación naceu en anos que semellaban pouco propicios pola hostilidade gubernamental. Estamos afeitos a camiñar amodiño e xuntos, non para chegar axiña senón para chegar lonxe nos nosos obxectivos de Verdade, Xustiza e Reparación coas mulleres e homes, de moi diversas ideoloxías e principios, que pagaron coa súa vida ou coa súa liberdade, a defensa dos ideais de Democracia, Liberdade e Igualdade que hoxe parécennos irrenunciables, cando estes estaban en perigo.

Así as cousas, tras outro periodo de catro anos de ostracismo, nos que Memoria Histórica Democrática proseguiu co seu labor, allea á indiferencia institucional, estamos a presentar a proposta de Centro Interpretación da Memoria Histórica ante o novo Goberno local de Ferrol, e tamén ante os grupos municipais con representación na corporación que contan coa sensibilidade para recoñecer e reivindicar a aportación das vítimas do franquismo á nosa historia como país democrático.

Este borrador de documento para a creación do Centro de Interpretación da Memoria Histórica de Ferrol é un punto de partida posibilista dacordo coa realidade socioeconómica da nosa cidade (a relación non pechada de contidos suxerida no documento está formada polas exposicións que producimos nos últimos anos na nosa asociación, cos nosos propios medios). O contido do documento está aberto a colaboracións.

DESCARGAR O BORRADOR: CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DE FERROL (PDF)

Descansa en paz, Gabriel Toimil García

Gabriel Toimil García

Faleceu Gabriel Toimil García, fillo de Amada García. O seu corpo descansa xa no túmulo número 5 do Tanatorio Artabria en Ferrol, onde será incinerado o sábado 3 de maio ás 12 horas, posteriormente as súas cinzas acompañarán os restos mortais da súa nai no cemiterio de Serantes. Desde a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática unímonos á dor da súa familia e recollemos o seu exemplo: Perdoou, pero nunca esqueceu. Verdade, xustiza, reparación.

 

Comunicado de apoio ao Ateneo Ferrolán e Lazos

Ferrol, 21 de agosto de 2012.- Desde a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática queremos expresar o noso rotundo apoio á posición do Ateneo Ferrolán no conflito que abriu o Goberno municipal con esta entidade senlleira de Ferrol. Adxuntamos un comunicado no que avogamos polo cesamento da inxerencia institucional do Goberno municipal na vida da entidade e o mantemento da integridade no uso das instalacións e do Edificio do Ateneo Ferrolán.

Comunicado: Memoria Histórica Democrática co Ateneo Ferrolán (PDF)
Asinar o manifesto de apoio na web do Ateneo Ferrolán

Apoio a Lazos Pro-Solidariedade, Comité AntiSida de Ferrol

Do mesmo xeito, queremos amosar a nosa adhesión ao comunicado da Asociación Lazos Pro-Solidariedade, Comité AntiSida de Ferrol, que ve ameazada, nestes momentos de emerxencia social, a supervivencia da importante labor asistencial e de prevención que ven desenvolvendo desde hai 17 anos na nosa comarca.

Comunicado de denuncia e solidariedade coa Asociación Lazos

Pronunciamento da Iniciativa Galega pola Memoria

A ONU, a través da oficina en Xenebra da Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, emitiu unha nota pedindo ao Estado español a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 porque incumpre a normativa internacional en materia de dereitos humanos.
“España está obrigada, baixo a lei internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar aos responsables se aínda están vivos”, afirmou o seu voceiro Rupert Colville, durante unha rolda de prensa celebrada o 9/02/2012 naquela cidade suíza.
Ademais, segundo a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, existe un deber cara as vítimas, que teñen “dereito de reparación”.
Colville lembrou que, conforme unha recomendación de 2009 da Comisión de Dereitos Humanos da ONU, “España debe derrogar a súa Lei de Amnistía, posto que non está conforme coas leis internacionais de dereitos humanos”. A devandita recomendación, elaborada por 18 expertos da organización internacional, toma como base o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado polo Estado español no ano 1985.
ñ A Iniciativa Galega pola Memoria apoia de xeito incondicional o pronunciamento da Alta Comisionada a prol da inmediata derrogación da Lei de Amnistía do ano 1977, e fai un chamamento a todos os colectivos de memoria, organismos sociais, sindicatos, partidos políticos e á cidadanía en xeral para que, de maneira unitaria, se sitúe este obxectivo político na máxima prioridade das mobilizacións populares e accións parlamentarias. Ao tempo, declarase en contra do inxusto procesamento do xuíz Baltasar Garzón por pretender investigar os crimes do franquismo, entendido aquel como unha manifestación máis da impunidade que na actualidade disfrutan os responsables da represión exercida pola Ditadura franquista.
En consecuencia, a Iniciativa Galega pola Memoria é así mesmo contraria a todo tipo de homenaxe pública a representantes do réxime franquista de recoñecida traxectoria represiva, así como ás tentativas de agachar ou deturpar os feitos dos que foron protagonistas. En concreto, a campaña do PP para institucionalizar sen mácula a figura do ex ministro de Franco Sr. Fraga Iribarne, é particularmente inxustificable. Neste sentido, a Iniciativa Galega pola Memoria fará pública a súa oposición a calquera evento destas características, instando a todos os partidos e organizacións sociais que se reclaman do antifranquismo a poñer por diante a memoria das vítimas da Ditadura e a non ser participes de iniciativas indignas que, ademais, van en sentido contrario ás aspiracións de maior xustiza e liberdade para os pobos e para as persoas.

Asemblea da Iniciativa Galega pola Memoria, Compostela. 25 de febreiro de 2012

(en representación de 11 colectivos de toda Galicia)