AO FÍO DA MEMORIA, 71 ANIVERSARIO

XOÁN RUBIA

Os pobos e vilas da nosa terra foron o laboratorio onde o réxime franquista puxo en práctica o tremendo deseño represivo que sistematicamente levou a cabo nada máis comezar a revolta contra a República. Mugardos figurou entre as localidades máis castigadas pola práctica da sen razón nunha situación na que o ser humano saca a relucir o máis abxecto do seu comportamento.

O pasado día 27 de xaneiro cumpriuse o setenta e un aniversario do fusilamento, no Castelo de San Felipe, de Amada García, en cuxa figura viríanse proxectadas logo tódalas vítimas daquela cruel represión. Perante moito tempo non se falou disto porque foi tapado conscientemente polo manto da desmemoria na crenza de que as cousas non existen se non se mencionan. Pero aínda quedan testemuñas daquel tempo, memorias vivas que se lembran daquel fanatismo levado á máxima expresión. Son esas persoas que fan que teñamos conciencia histórica desa acordanza que nos foi secuestrada polos grandes manipuladores coniventes cos sublevados, porque non esquezamos que, os que gañan pola razón da forza reescriben a historia segundo as súas conveniencias. Xa que logo atopámonos cunha loita entre bos e malos, onde aqueles tiñan que rematar con estes. Quedan poucas testemuñas daquel tempo, por iso non debéramos de desperdiciar a posibilidade de escoitar os relatos de como viviron os represaliados aquela triste circunstancia, agora que se abre a posibilidade de poder dicilo, logo de moitos anos de forzado e manipulado mutismo.

A ninguén se lle oculta a verdade de que xurdiron excesos nos dous bandos, pero non é menos certo que non houbo punto de comparación, no concernente á represión, entre unha facción e outra e que nunha situación extrema, como é unha guerra, saen sempre a refulxir o odio, o resentimento e os peores instintos dalgunha xente. Na sentenza condenatoria de Amada García e na dos compañeiros asasinados o mesmo día no Castelo de San Felipe non figuraba ningún delito de sangue: eran partidarios da República e foron acusados de rebelión precisamente, ¡que desvergoña!, polos rebeldes. Aí nese intre a historia detívose, cero absoluto, lei do punto e final, e aquí non pasou nada. O vale máis calar, mellor no menealo, deixalo estar, esquecer, prevaleceron por máis de corenta anos, e algúns desexarían hoxe que ese silenzo aínda fose lei. Pero non deberan de preocuparse en exceso, pois os verdugos, calumniadores e acusadores xa desapareceron todos e o único que se pretende agora, ao camiñar ao fío da memoria, é aproximarse, na medida do posible, á verdade e que as novas xeracións saiban de que xeito se desenvolveron os acontecementos, de quen era quen naquel tempo e poidan facer o seu xuízo con coñecemento da causa. En fin, trataríase de poñer en orde eses anacos dunha memoria outrora perdida e arestora recuperada para nosa historia. Vén agora a miña acordanza un comentario que lle fixera López Sor, autoridade militar entón en Mugardos, a un irmán do meu avó cando este lle dixo que o seu parente vivía na vila.”¡Coño, pues no sé si lo habré despachado, porque si le hago caso al beaterío de ese pueblo, no queda allí títere con cabeza!”. Polos pelos e por casualidade, pero meu avó salvouse. Moitos caeron pola infamia duns fanáticos (e fanáticas, pois algunhas mulleres xogaron papel determinante), que difamaban e acusaban no nome de Deus. Crían que obrando así estábanlle facendo un favor, como se Deus estivese necesitado deses favores. Quero imaxinar que para un crente verdadeiro non é de recibo cometer esas atrocidades no nome da Divina Providencia, o cal me fai chegar á conclusión que aquela xente tiña ben pouco de piadosa e moito, moitísimo, de corrosiva e mala baba. Amada, Xoán, Xosé, Anxo, Ramón, Antonio, Xermán e Xaime, asasinados no Castelo de San Felipe o 27 de xaneiro de 1938 xa forman parte da nosa memoria e desa historia que, ata agora, nunca fora contada. Poderíase pasar páxina, certo, pero, chegado o caso, o aconsellable é facelo despois de lela, digo eu. E nesas estamos.

Do Diario de Ferrol, Domingo 8 de Febrero de 2009

Anuncios
Publicado en Artigo. Etiquetas: . Leave a Comment »

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: